Vox Stellae

Páxina Web do Coro Vox Stellae

 

 CORO VOX STELLAE

Vox Stellae nace en 2002 con motivo dun ciclo de conferencias sobre a música do Arquivo da Catedral de Santiago a cargo do musicólogo José López Calo. Amais deste labor de difusión, aborda outros repertorios, desde o Gregoriano até o Barroco fundamentalmente. Sen descoidar a música contemporánea e a creación musical en Galicia.
Vox Stellae ofrece regularmente concertos por toda a xeografía galega e ten participado en actos institucionais como a entrega das Medallas Castelao, Día de Galicia en Madrid, Premios Chano Piñeiro ou a inauguración das VII Jornadas Jacobeas Internacionales da Universidad Casado del Alisal en Carrión de los Condes. Tamén interpretou programas didácticos para o MUPEGA, Concello de Vigo e a USC ante máis de 2000 escolares.
Ten actuado en festivais como a “Semana Internacional de Música Sacra de la Laguna”, “Festival Internacional de Órgano Provincia de Palencia”, “Espazos Sonoros”, “Festival de Música Sacra de Castilla y León”, tempadas de abono da Sociedad Filarmónica de Vigo, Sociedad Filarmónica Ferrolana etc…
Vox Stellae colabora con diversas agrupacións e solistas como a Orquesta de Cámara de Tenerife, Orquestra de Cámara Galega, Os Menestreis de 1500, Finis Terrae Brass, Cristina Pato, Joaquín Barreira, Manuel Vilas, Mercedes Hernández, Fernando Buíde ou o dramaturgo Maximino Queizán.
En 2012, no “Ciclo de Semana Santa de Santiago de Compostela”, en colaboración co Centro Checo de España, estreou a Misa en Sol, adicada a Santiago de Compostela, de Antonin Tucapsky. No mesmo ano, dentro dos actos do Día de Galicia, estreou a composición vocal Pregaria, de José Baldomir, con texto de Ramón Cabanillas.
Vox Stellae inclúe dentro da súa estrutura os grupos Vox Organalis (grupo vocal masculino), Vox Principalis (grupo vocal feminino) e Vox Stellae Ensemble (conxunto vocal e instrumental).
Proximamente sairá á venda o seu primeiro disco, adicado a Matías García Benayas, mestre de capela da Catedral de Tui, enmarcado dentro dun proxecto de edición e recuperación do patrimonio musical da sede tudense.


Seo wordpress plugin by www.seowizard.org.